O ximnasio municipal do Forte acollerá todos os venres do mes de marzo as “Tardes pola igualdade”, unha iniciativa organizada polo Concello de Boqueixón e o centro de información á muller, dentro das actividades relacionadas coa promoción da igualdade do 8M. Unhas actividades gratuítas que se realizan con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero e do Ministerio da Igualdade.
As “Tardes pola igualdade” consisten en realizar actuacións de contacontos dinámicos e de teatro dirixidas a nenos e nenas de educación infantil e primaria. Unha iniciativa gratuíta que terá lugar no ximnasio municipal do Forte entre as 15:30 e as 16:25 horas de todos os venres do mes de marzo. “O que se pretende é que a rapazada desfrute e se sensibilice en igualdade, tolerancia e respecto aos demais dun xeito lúdico. Fomentar unha sociedade progresista cunha igualdade real entre mulleres e homes”, explica o alcalde, Manuel Fernández Munín.
Aquelas persoas que estean interesadas en participar deberán inscribir ás súas crianzas no mail cim@boqueixón.com ou ben chamar ao teléfono 981 513 115, dpto de cultura. A programación de “Tardes pola igualdade” é a seguinte:
- Venres 4 de marzo: Espectáculo Príncipas e Princesos, De 15:30 a 16:15 horas. Contaconto atípico cun pouco de teatro a cargo de Pablísimo.
- Venres 11 de marzo. A pequena gran inventora, de 15:30 a 16:15 horas. Contacontos participativo coa rapazada a cargo de Trémola teatro.
- Venres 18 de marzo. Estrafalaria. De 15:30 a 16:25 horas. Contacontos participativo coa rapazada a cargo de Atenea García, de Xarope Tulú
- Venres 25 de marzo. Valente e rebelde, a cargo de Trémola teatro. De 15:30 a 16:25 horas. Unha actuación teatral.