Catro novos positivos rexistrados hoxe martes 15 de febreiro rompen a boa tendencia descendente no número de casos diagnosticados de Covid en Boqueixón na última semana. Así, o número de positivos a sete días sitúase en 26, mentres que a cifra de positivos a catorce días tamén medra en 5 casos, ata os 62.
A nivel galego continúa o descenso, con 2.500 casos menos ca onte. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 36.105 deles 7.952 son da área da Coruña, 3.817 da de Lugo, 3.844 da de Ourense, 4.063 da de Pontevedra, 7.872 da área de Vigo, 6.307 da de Santiago e 1.843 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 42 están en UCI, 611 en unidades de hospitalización e 35.452 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 436.603 persoas curadas, rexistrándose 3.051 falecementos.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.