Despois dun par de semanas de baixada, dous novos casos positivos elevan a 34 o número de casos diagnosticados a 7 días e rompen hoxe mércores coa tendencia positiva no Concello de Boqueixón. Cando menos, o número de casos a 14 días retoman tamén un camiño descendente: 93 casos, dous menos ca onte. As incidencias acumuladas continúan por riba dos 250 e dos 500 casos, respectivamente.
A nivel galego, mantense a tendencia á baixa pero a un ritmo menor ca en xornadas anteriores. Así, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 60.277 deles 13.275 son da área da Coruña, 6.148 da de Lugo, 6.015 da de Ourense, 6.564 da de Pontevedra, 15.610 da área de Vigo, 9.821 da de Santiago e 2.844 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 40 están en UCI, 641 en unidades de hospitalización e 59.596 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 367.209 persoas curadas, rexistrándose 2.950 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.568.398. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 6.444.004.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.