Boqueixón inicia semana cun novo repunte de casos positivos de Covid: 58 casos diagnosticados no últinos 7 días fronte aos 39 rexistrados o pasado venres. A situación tampouco mellora a 14 días vista, pois hoxe luns 24 de xaneiro hai contabilizados 108 casos, unha ducia máis co pasado venres. As incidencias acumuladas continúan por riba dos 250 e os 500 casos, respectivamente.
Pola contra, o número de casos en Galicia baixa en case sete mil persoas en comparación co pasado venres. Así, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 71.376 deles 15.114 son da área da Coruña, 7.266 da de Lugo, 7.350 da de Ourense, 8.508 da de Pontevedra, 18.876 da área de Vigo, 10.811 da de Santiago e 3.451 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 47 están en UCI, 582 en unidades de hospitalización e 70.747 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 307.012 persoas curadas, rexistrándose 2.881 falecementos.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número 881 54 00 45 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Ademais, o Sergas ten a disposición da cidadanía a web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.