O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá das novas medidas acordadas polo comité clínico para loitar contra o coronavirus, entre as que destaca a decisión de limitar a apertura dos locais de hostalería e restauración ás 00,00 da madrugada e do ocio nocturno ás 2,00 horas. No caso da hostalería e a restauración, os venres e os sábados poderán ampliar os seus horarios de apertura até as 1:00h.
Entre as novas medidas, que entrarán en vigor ás 00,00 horas do 31 de decembro e que estarán vixentes ata o 18 de xaneiro, destacan a obrigatoriedade de presentar o certificado covid para acceder aos locais de hostalería durante todo o día e tamén a volta da prohibición de consumir nas barras dos locais.
Sanidade tamén remitirá ao Tribunal Superior de Xustiza unha solicitude para establecer a limitación de xuntanzas de persoas non convivintes en espazos públicos entre ás 2,00 e ás 6,00 horas, polo que, de ser ratificado, durante esas horas só poderán transitar pola rúa persoas soas ou membros dunha mesma unidade familiar. O responsable de Sanidade, recomendou evitar a asistencia a eventos masivos que , en todo caso, serán con público sentado, tanto en interior como en exterior.
Medidas específicas para Noitevella e o Día de Reis
No que atinxe dun xeito específico á festividade de Noitevella, os locais de hostalería e restauración deberán pechar os seus locais a 1,00 horas da madrugada e, para evitar que se retomen as xuntanzas, non poderán voltar a abrir os seus locais ata as 10,00 horas do día 1 de xaneiro. No caso dos establecementos de ocio nocturno, as autoridades sanitarias manterán unha reunión cos representantes do sector nocturno para acordar os horarios do día de Noitevella.
Respecto das ceas e comidas do último día do ano, Sanidade recomenda xuntanzas cun máximo de dúas unidades familiares e, preferiblemente, que sexan as mesmas do día de Nadal. No caso de levarse a cabo en lugares públicos, establécese o límite de 8 persoas na mesma mesa (interior) e un máximo de 10 no exterior.
En canto ás cabalgatas do Día de Reis, García Comesaña precisou que é necesario minimizar as posibles aglomeracións, ademais de recomendar que estas sexan estáticas, como está previsto facer en Boqueixón.
O importante aumento de novos casos positivos nas últimas datas, así como a alta positividade das probas diagnósticas realizadas no conxunto de Galicia, obrigou ao comité clínico a adoptar estas novas medidas para a atallar a expansión do coronavirus. Neste senso, o responsable de Sanidade informou que desde o inicio do mes de decembro as incidencias acumuladas -tanto a 7 como a 14 días-, incrementáronse dos 137 casos por 100.000 habitantes aos 621; e dos 221 aos 953, respectivamente. Ademais o número de casos activos, pasou dos 5.973 que se rexistraban o 1 de decembro, até os 28.334 da xornada de hoxe e, a taxa de positividade, sitúase arredor do 15%.