O salón de plenos do Concello de Boqueixón acollerá o próximo luns 22 de novembro, ás 12:00 horas, a sexta edición do Pleno Infantil, coa rapazada de 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto. Trátase dunha actividade organizada polo Departamento de Servizos Sociais de Boqueixón con motivo do Día Internacional dos Dereitos das Nenos e dos Nenos, que se conmemora o 20 de novembro.
Este Pleno Infantil levarase a cabo dentro das actividades dirixidas á infancia e á adolescencia propostas por Unicef Galicia, dedicándose este ano ao medio ambiente e o cambio climático. Así, unha representación do alumnado exporá as súas reflexións ao alcalde, á concelleira de Ensino e aos seus propios compañeiros e compañeiras, despois do traballo realizado previamente na aula.
A maiores, para dar visibilidade á infancia e á adolescencia, a Casa do Concello estará alumeada en cor azul durante esta fin de semana. Dende o Concello de Boqueixón agradecen ao equipo directivo, metras de 6º de Primaira e alumnado do CPI Antonio Orza Couto a súa participación nesta actividade.