VII Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”
O Concello de Boqueixón convoca o VII Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”
O concello de Boqueixón convoca a sétima edición do Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”, que ten como principal obxectivo fomentar a creatividade e dar a coñecer ao público en xeral a diversidade e riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do municipio.
O certame está aberto ao público en xeral e cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías. A temática das imaxes deberanse tomar no municipio de Boqueixón e centraranse en aspectos como a súa riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística. Non se admitirán fotografías nas que aparezan persoas. O prazo de envío das propostas finalizará o próximo 30 de novembro.
O xurado do VII Concurso de Fotografía Paisaxes de Boqueixón fará pública a súa decisión o día 10 de decembro aos doce autores/as seleccionados/as, así como ás tres persoas premiadas. Os premios entregaranse en forma de vales de compra que se poderán canxear en calquera estabelecemento do municipio. O primeiro premio estará dotado cun vale de 200 €; o segundo, cun vale de 100 €, e o terceiro, cun vale de 50 euros.
As persoas que participen deberán cumprir as seguinte bases e encher o seguinte formulario para enviar as súas propostas.
Bases VII Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”
Primeira. Participantes e número de fotografías
Poderá participar no concurso toda persoa física que o desexe e cumpra as presentes bases. No caso de participantes menores de 18 anos a solicitude deberá incluír autorización do pai/nai ou titor. Cada participante poderá presentar ata un máximo de tres fotografías.
Segunda. Temática
As fotografías versarán sobre aspectos que reflicten a riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do noso concello, debendo estar tomadas, polo tanto, dentro do termo municipal. Non se admitirán fotografías na que aparezan persoas.
Terceira. Premios
Entre as fotografías presentadas seleccionaranse doce, e destas, elixiranse as tres gañadoras do concurso. Os premios entregaranse en forma de vale a empregar en calquera establecemento de Boqueixón:
- Primeiro premio: VALE DE 200 €
- Segundo premio: VALE DE 100 €
- Terceiro premio: VALE DE 50 €
As doce fotografías seleccionadas serán publicadas no calendario do 2022 que edita o concello.
Cuarta. Inscrición e participación
- A inscrición será online en www.boqueixon.gal. Cada participante deberá cumprimentar e asinar a folla de inscrición e enviar as fotografías en formato .JPG nun arquivo que leve o nome do título da fotografía, cunha resolución mínima de 2000×1500 px.
- O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de novembro de 2021.
- Todas as fotografías que tomen parte neste concurso serán susceptibles de ser empregadas na promoción turística do Concello de Boqueixón e pasarán a formar parte do seu arquivo fotográfico.
Quinta. Xurado, fallo e entrega de premios
Un xurado determinado polo Concello de Boqueixón revisará as fotografías e fará público o seu fallo o día 10 de decembro, a través da web municipal e individualmente aos doce autores/-as seleccionados e aos tres premiados/-as. Este fallo será inapelable. Os premios serán entregados no mes de decembro.
Sexta. Dereitos sobre as fotografías
O Concello de Boqueixón resérvase o dereito para reproducir en soportes informativos e promocionais propios e expoñer de maneira libre calquera das imaxes. En ningún caso se cederán os devanditos dereitos a terceiros, salvo autorización expresa do autor/a. A organización comprométese, pola súa banda, a indicar o nome do autor/a cada vez que a súa imaxe sexa reproducida.
Ao aceptar participar no concurso, os autores/ as das fotografías garanten que son creadores e propietarios do traballo que presentan e que non renunciaron a ningún dereito moral ou legal sobre as súas fotografías, e responsabilízanse totalmente de que non existan dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como toda posible reclamación por dereitos de imaxe.
Sétima. Protección de datos
Os/-as participantes neste concurso só prestan o seu consentimento para o uso dos seus datos persoais a efectos de coñecemento da súa participación e contacto, sen que se poida facer outro uso deles que o sinalado.
Oitava. Aceptación das bases
A organización resérvase a facultade de resolver calquera continxencia non prevista nas bases. A concorrencia a este concurso implica a aceptación das mesmas.
Máis información no Dpto. de Cultura de Boqueixón (teléfono: 981.513.115) e na web municipal.
No caso de menores de 18 anos, adxuntar autorización do pai, nai ou titor/titora .
Descarga o pdf adxunto facendo click no icono, imprímeo, éncheo e sácalle unha foto ou escanéao. Despois adxunta devandito formulario no seguinte botón: