A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar do 6 a 13 de novembro un curso no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón) centrado en aportar novas técnicas de manexo no marco da apicultura ecolóxica.
Nun total de nove horas distribuídas en dúas xornadas (en concreto, os sábados 6 e 13 de novembro, en horario de 10:00 a 14:30 horas), a acción comezará abordando a revisión das colmeas de cara á campaña, o cambio de enxames, o seguimento da presenza de varroase e a evolución da produción de mel. No segundo día, mentres, tratarase a análise de datos sobre a varroase e os tratamentos posibles, os resultados da campaña en canto á produción de mel, a revisión das colmeas e as medidas contra a avespa velutina.
Cómpre apuntar que este curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
A Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse neste enlace. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico cursos.agacal.sergude@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 867 331.