A Casa da Cultura de Camporrapado acollera todos os domingo de novembro, ás 17:30 horas, unha sesión do ciclo de teatro BocAberta, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Deputación da Coruña. Unhas sesións dirixidas a un público adulto e que serán completamente de balde, polo que haberá que reservar previamente a entrada no Departamento de Cultura, en cultura@boqueixon.gal ou chamando ao 981 513 115.
O ciclo comezará o domingo 7 de novembro con “Unha primavera para Aldara”, do Grupo de Teatro Airiños (Rianxo) a partir do texto de Teresa Moure e baixo a dirección de Amantia Coello. Unha obra que nos traslada á Galicia do século XV, durante a Revolta Irmandiña. A vida tranquila do convento da abadesa Aldara Eáns verase alterada coa chegada de Don Nuno, un guerreiro irmandiño malferido pedido asilo. A súa presenza porá patas arriba as normas do convento e desencadeará unha serie de situación que porán en perigo ás propias monxas, vixiadas polos homes do bispo.
“Unha primavera para Aldara” obtivo o premio de teatro Rafael Dieste 2007, ademais dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega e ata 7 premios María Casares pola montaxe que fixo a compañía Teatro do Atlántico.
Para o domingo 14 de novembro está prevista “O rei Telesforo busca noiva (e quere noivo)”, obra do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira programada inicialmente para a edición do BocAberta de 2020 pero que finalmente non puido poñerse en escena. O domingo 21 será a quenda de Bradomin Teatro (A Pobra do Caramiñal), que porá en escena “Un convento moi contento”. Pechará o ciclo Artesacía Teatro con “Chola, a it girl!” o domingo 28 de novembro.
En todos os casos, as persoas participantes deberán cumprir con todas as garantías hixiénico-sanitarias contra a Covid-19: levar posta a máscar, manter a distancia de seguridade e utilizar o xel hidroalcohólico.