Moi boa acollida rexistrou a ruta arqueolóxica polo Pico Sacro e a súa contorna, o domingo. Trátase da primeira ruta programada dentro do ciclo “Un mes e Pico”, que se desenvolve no Concello de Boqueixón ata o 26 de setembro. Nesta ocasión, a arqueóloga e antropóloga, Ana Isabel Filgueiras Rei, que traballa no Plan Integral de recuperación e dinamización do patrimonio material e inmaterial do Pico Sacro, foi a encargada de guiar a actividade. Os e as participantes tiveron ocasión de coñecer de primeira man os lugares do cristianismo primitivo como San Sebastián do Pico Sacro, San Lourenzo da Granxa ou o mosteiro medieval.
A próxima cita “roteira” é o domingo 12 de setembro ás 11 h., co Roteiro Literario protagonizado por Castelao, Avelina Valladares e Xosé Neira Vilas, entre outros. Durante o percorrido polo Pico Sacro, os autores galegos acompañarannos, mentres recitan fragmentos das súas obras vinculadas ao monte sagrado. Ademais, as persoas participantes terán a oportunidade de recrear a famosa foto con Castelao na entrada da cova do Pico e gozarán dunha sorpresa final.
Entre os próximos eventos de “Un mes e Pico” inclúense as visitas teatrais pola compañía Os Quinquilláns con A raíña Lupe e o encanto do Pico Sacro. Serán os días 4, 11, 18, 19 e 26 de setembro ás 17:30 h.
Para participar en calquera destas actividades gratuítas é necesario inscribirse previamente no correo boqueixonturismo@gmail.com ou no teléfono 981 51 30 61.
Descarga o programa completo de “Mes e Pico”