Continúa o ciclo “Un mes e Pico” en Boqueixón. Esta fin de semana son dúas as actividades programadas. Por unha banda, a conferencia Xeoastronomía da antiga Gallaecia (medicións, datos e interpretacións): Santiago e o Pico Sagro no “tempo dos mouros” será impartida polo Licenciado en Bioloxía e Máster na Arquitectura da Paisaxe, docente e investigador, Antón Bouzas Sierra, este sábado 21 de agosto, ás 20:00 horas na capela de San Sebastián.
Ao día seguinte, o domingo 22 de agosto ás 11 horas na Igrexa de San Lourenzo da Granxa, terá lugar a primeira das tres saídas programadas: unha ruta arqueolóxica polo Pico Sacro e a súa contorna. Será da man da arqueóloga e antropóloga, Ana Isabel Filgueiras Rei, que traballa no Plan Integral de recuperación e dinamización do patrimonio material e inmaterial do Pico Sacro. O itinerario percorrerá lugares do cristianismo primitivo como San Sebastián do Pico Sacro, San Lourenzo da Granxa, fortaleza, mámoas na contorna do Pico, mosteiro medieval…
As próximas citas de “Un mes e Pico”, desenvolveranse en setembro. Inclúen as visitas teatrais no cumio do monte sagrado, pola compañía Os Quinquilláns; e a exposición itinerante “O Pico Sacro no Códice Calixtino”, que estará no centro de interpretación do Río Ulla de Touro (do 13 ao 19 de setembro) e na casa das Artes de Vedra (do 20 ao 26 de setembro).
Finalmente, o sábado 25 de setembro, ás 20:00 horas na capela de San Sebastián, celebrarase o peche do ciclo a cargo do historiador Martín Almagro-Gorbea coa conferencia “A Raíña Lupa e o Monte Sacro”.
As actividades son gratuítas, aínda que o aforo está limitado e seguiranse todas as medidas de seguridade. As persoas interesadas en asistir, deben inscribirse previamente no correo boqueixonturismo@gmail.com ou no teléfono 981 513 061.
Descarga o programa completo