A Corporación de Boqueixón aprobou por unanimidade o nomeamento, a título póstumo, de Pedro Pérez Pérez como Fillo Adoptivo do Concello. Neste Pleno ordinario do mes de maio tamén se acordou realizar a entrega da distinción, previsiblemente, nunha sesión extraordinaria durante o vindeiro mes de xuño.
Na proposta de acordo, que foi presentada polo alcalde, Manuel Fernández Munín, detállase a súa forte vinculación de Pedro Pérez co municipio. Nacido en Losar de la Vera, un pequeno municipio da provincia de Cáceres, o 30 de xuño de 1919. Veterinario de profesión, un dos seus primeiros destinos foi Boqueixón, chegando ao municipio nos anos 50.
Residiu, xunto coa súa dona Rosario Fernández Rodríguez, na parroquia de Ponte Ledesma durante aproximadamente 15 anos. Aínda que despois, no ano 1965, se trasladaría a Carballo como xefe comarcal, Boqueixón deixou unha importante pegada na súa vida.
Tanto foi así que, tras o seu falecemento –o 7 de decembro do 2001-, manifestou no seu testamento a súa vontade de constituír unha fundación coa finalidade de crear un fondo anual para apoiar as carreiras universitarias de Medicina e Veterinaria de dúas persoas mozas pertencentes a calquera parroquia do Concello de Boqueixón durante un máximo de 5 anualidades. Foi entón cando se constituíu a Fundación Pedro Pérez, dotada cun patrimonio próximo aos 200.000 euros.
Grazas a esta entidade, un total de alumnos e alumnas de Medicina e Veterinaria do municipio beneficiáronse deste legado durante os seus anos de carreira. Estas becas –dotadas con algo máis de 67.000 euros- outorgáronse dende o curso académico 2002/2003 ata o 2017/2018.
Un importante legado que terá o seu recoñecemento a través do nomeamento de Pedro Pérez como Fillo Adoptivo do Concello de Boqueixón a título póstumo. Esta decisión xa foi trasladada á familia que agarda poder trasladarse o vindeiro mes de xuño ao municipio para participar na homenaxe oficial.