Normativa
Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2021 (DOG nº 54 do 22/3/2021)
Obxecto
Financiar actuacións de rehabilitación de edificios e/ou vivendas ao abeiro do Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018–2021.
Requisitos das actuacións
Deberán ser realizadas en vivendas unifamiliares, en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva e nas vivendas situadas nestes edificios, sempre que estivesen finalizados antes do 1 de xaneiro de 1996 e constitúan o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias ou, de ser o caso, das persoas arrendatarias, no momento de solicitar a axuda deste programa.
Requisitos específicos das actuacións que se realicen en edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva:
- Que, polo menos, o 70 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial de vivenda, excluída a planta baixa e/ou plantas inferiores, se ten ou teñen outros usos compatibles.
- Que, polo menos, o 50 % das vivendas constitúan o domicilio habitual das persoas propietarias ou arrendatarias no momento de solicitar as axudas. Non se terá en conta este requisito, cando se trate dun propietario único que tivese que proceder ao realoxamento dos inquilinos para efectuar a rehabilitación, se ben deberá xustificar esta circunstancia, así como o compromiso de destinar as vivendas obxecto da rehabilitación ao domicilio habitual das persoas arrendatarias.
- Que as actuacións conten co acordo da comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou da agrupación de persoas propietarias. Este requisito non se exixirá cando a propiedade do edificio corresponda a unha soa persoa física ou xurídica.
Cando sobre un mesmo elemento ou sistema construtivo se soliciten axudas que resulten subvencionables polas dúas liñas de axudas, deberán identificarse e desagregarse, debéndose adscribir a unha soa das dúas liñas.
Actuacións subvencionables
Para fomento da conservación:
- As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións.
- As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluíndo procesos de desamiantado.
- As relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar, agrupada en fila ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, ás condicións mínimas de funcionalidade, habitabilidade, seguridade e hixiene legalmente exixidas.
Para a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade:
- A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente.
- A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.
- A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros, que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas.
- A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como vídeo porteiros e análogos.
- A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.
- Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas.
- Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros de seguridade de utilización e accesibilidade (DB-SUA).
O prazo de execución non poderá exceder o 30 de novembro de 2021.
Persoas e/ou entidades beneficiarias
- As persoas físicas, así como as persoas xurídicas de natureza privada, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva e das vivendas ubicadas nestes edificios.
- As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias.
- As agrupacións de persoas propietarias.
- As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.
Para que as persoas físicas sexan beneficiarias deberán posuír a nacionalidade española ou ter a residencia legal en España, no caso das persoas estranxeiras.
Contía das axudas
A contía máxima das subvencións non poderá superar o 40 % do custo subvencionable da actuación, que se poderá incrementar ata o 75 %, cando os ingresos da unidade de convivencia sexan inferiores a tres veces o IPREM ou se na unidade da convivencia hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.
Actuacións de conservación | Actuacións de seguridade e accesibilidade | |
Básica | 3.000 € (vivenda) 30 €/ m2 local comercial/ outros usos | 8.000 € 80 €/m2 local comercial/ outros usos |
Familia con persoa con discapacidade (depende do tipo de discapacidade) | 14.000 € | |
17.000 €* |
Documentación
Solicitude e documentación complementaria
Lugar de presentación
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal Deberán dirixirse ao órgano que se especifique para cada tipo de subvención.
A presentación electrónica será obrigatoria para as comunidades de persoas propietarias, as agrupacións de comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de persoas propietarias.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Ata o 22 de abril de 2021.
Mais información e solicitudes:
Servizos sociais do concello de Boqueixón, teléfono 981 513 106.