O Concello de Boqueixón, en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas e o CPIP Antonio Orza Couto, vén de convocar o VII Certame de Relatos ‘Xosé Neira Vilas’. O obxectivo desta iniciativa é potenciar a lectura e a creatividade literaria entre escolares, ademais de fomentar valores como a liberdade, o respecto e a tolerancia.
O concurso está dirixido a alumnos e alumnas de Boqueixón e dos centros educativos do municipio dende 3º de Primaria e para toda Secundaria. A admisión de traballos finalizará o vindeiro 16 de abril e deberanse entregar nas instalacións da biblioteca municipal ou no CPIP Antonio Orza Couto.
Establécense tres categorías: escolares de 3º e 4º de Educación Primaria; alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria, e estudantes de Educación Secundaria. Para participar neste certame, os relatos deberán ter unha extensión mínima de 40 liñas para os/as participantes da primeira e segunda categorías e de 60 liñas no caso da terceira.
Dacordo coas bases deste certame, cada participante poderá presentar un único traballo, de temática libre. Os traballos serán propios e inéditos, escritos a ordenador. O texto escribirase integramente en galego e debe conter unha historia orixinal –real ou ficticia- podendo incluír ilustracións.
Para garantir o anonimato, o relato irá identificado coa categoría á que opta e un pseudónimo (nunca o nome real). A ficha de participación cos datos correspondentes irá nun sobre pechado que estará grampado ao texto.
Premios
Os premios do VII Certame de Relatos Xosé Neira Vilas entregaranse nun acto celebrado con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas 2021. Establécense tres premios por cada unha das categorías:
- 1º Premio: diploma, un vale de 125 € en material escolar e o libro editado do certame
- 2º Premio: diploma, un vale de 100 € en material escolar e o libro editado do certame
- 3º Premio: diploma, un vale de 75 € en material escolar e o libro editado do certame
O xurado que valorará os traballos estará composto por un/unha representante do Concello designado/a polo alcalde; unha persoa en representación do CPIP Antonio Orza Couto; outro/a representante da Fundación Neira Vilas e unha persoa do ámbito cultural municipal. O fallo será inapelable e farase público a través da web municipal, ademais de comunicarse de xeito persoal a cada galardoado/a.
Dende o Concello de Boqueixón animan á mocidade a participar nesta sétima edición do Certame de Relatos Xosé Neira Vilas. O pasado ano non se puido celebrar por mor da situación de alerta sanitaria.
O modelo de participación no certame pódese descargar no arquivo anexo ou premendo aquí.
Adxuntos
- VII Certame Neira Vilas (852 kB)
- ficha_certame (297 kB)