A unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) estará no municipio de Boqueixón a vindeira semana. Máis concretamente, o autobús parará o luns 11 de xaneiro en Lestedo en horario de 15.30 a 21.00 horas. O martes 12 trasladarase a O Forte, en horario de 09.30 a 14.30 horas, e a Camporrapado, pola tarde, entre as 16.00 e as 21.00 horas.
Dende o Concello de Boqueixón lembran a importancia de que a veciñanza colabore coa doazón de sangue. Trátase dun acto moi sinxelo que permite a moitas persoas solucionar problemas de saúde e, incluso, salvar vidas. Pode doar sangue calquera persoa con máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Pola súa banda, ADOS lembra que, aínda que se pode acudir de forma espontánea, é recomendable solicitar cita no teléfono gratuíto 900 100 828. Deste xeito, e dada a situación sanitaria actual, poderase escalonar a afluencia de doadores e doadoras evitando as esperas.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) completará esta semana os desprazamentos das súas unidades móbiles dentro das festas de Nadal, na que se fixo “un chamamento xeneralizado á cidadanía para doar sangue, moi especialmente, a doantes dos grupos sanguíneos A positivo, A Negativo e Cero negativo”.