O Delegado territorial da Xunta de Galicia pola provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá Boqueixón. Trenor estivo acompañado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, polo deputado parlamentario Ovidio Rodeiro, así como por outros integrantes do equipo de goberno boqueixonés.
O delegado territorial achegouse ao polígono industrial de Sergude para ver as renovadas beirarrúas interiores. Neste parque empresarial finalizaron recentemente as obras de construción de beirarrúas interiores, coa instalación de 3 illas para recollida selectiva. A actuación supuxo un investimento dun total de 86.699,27 euros, que foron cofinanciados nun 80% pola Vicepresidencia Segunda da Xunta e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e nun 20% polo Concello de Boqueixón. Este proxecto súmase a outro paquete de actuacións promovidas dende a Xunta co fin de mellorar a competitividade dos polígonos industriais da comunidade autónoma.
O rexedor de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, agradeceu ao delegado territorial “o apoio que dende a Xunta de Galicia se realiza ao municipio. Unha das grandes apostas do noso goberno é dar a coñecer o potencial industrial de Boqueixón e actuacións como a desenvolvida nas beirarrúas interiores des polígono de Sergude contribúen a facer máis atractivo este parque empresarial para as compañías que busquen onde instalarse”.
Unha mellora de servizos, que se complementa coa mellora nas comunicacións e na dispoñibilidade de servizos de última xeración. “Boqueixón está a un paso de Santiago e moi ben conectado. Á optimización das infraestruturas viarias no municipio e a expansión da fibra óptica neste polígono industrial de Sergude tamén farán deste parque empresarial un espazo atractivo para as industrias”.
Precisamente sobre a implantación da fibra óptica no territorio falaron na xuntanza que o delegado territorial da Xunta mantivo con Manuel Fernández Munín, e cos rexedores de Touro e Vedra, Ignacio Codesido e Carlos Martínez, respectivamente, no consistorio boqueixonés. Os tres rexedores instaron a Trenor a interceder para que “se leve a fibra óptica á maior brevidade posible a todos os núcleos poboacionais destes municipios”.