O Concello de Boqueixón iniciou o seu programa gratuíto Venres de Lecer. A primeira sesión completou todas as súas prazas contando cun total de 14 escolares de Educación Infantil.
As crianzas asistentes dividíronse en tres grupos co fin de cumprir con todas as medidas de prevención contra a propagación da COVID-19. As actividades desenvolvéronse nas instalacións do CPIP Antonio Orza Couto.
Durante esta primeira sesión, as crianzas participantes traballaron na creación dos seus propios adornos navideños. Así, elaboraron unhas vistosas bolas que poderán colgar nas súas árbores de Nadal.
A seguinte sesión do programa gratuíto Venres de Lecer terá lugar este venres 11 de decembro entre 15.30 a 18.00 horas. Estará dirixida a escolares de 1º e 2º de Educación Primaria do Concello e alumnado matriculado/a nun centro educativo do municipio. A xornada xa conta con todas as prazas reservadas.
Para a última sesión, para o venres 18 de decembro, dirixida a escolares de 3º e 4º de Educación Primaria, aínda quedan prazas libres. As persoas interesadas deberán remitir a súa solicitude ata dous días antes do comezo da actividade ao enderezo electrónico cultura@boqueixon.gal ou chamando ao teléfono 981 513 115. As prazas son limitadas.