O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón vén de abrir o prazo de reserva de exemplares para adquirir o libro infantil Alén loita e acariña. A publicación presentouse o pasado mércores na Biblioteca Municipal, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Dado o alto interese amosado pola adquisición deste conto, e tras realizar a entrega a escolares dos distintos centros educativos do municipio, o CIM de Boqueixón abre un prazo para a solicitude de reserva de exemplares. As persoas interesadas deberán facelo entre hoxe e o vindeiro 18 de decembro cubrindo o formulario en liña dispoñible nesta ligazón: https://bit.ly/ReservaLibroInfantilCIM.
A entrega de exemplares realizarase por rigorosa orde de inscrición, priorizando, en primeiro lugar, a familias empadroadas en Boqueixón con fillas/os en idade infantil ou primaria. Neste caso, no prazo duns días remitirase ao enderezo electrónico dende o que se cursou a solicitude a confirmación e instrucións para recoller este libro infantil.
A continuación, será a quenda daquelas familias empadroadas con menores que non estean en infantil ou primaria. En terceiro lugar, atoparanse as persoas adultas empadroadas e, finalmente, as persoas non empadroadas. Nestes casos, remitirase a información correspondente uns días despois de ter finalizado o prazo de solicitude. Remitirase un correo electrónico indicando a dispoñibilidade ou non dun exemplar e, de ser o caso, as instrucións para recollelo.
Dado que o número de libros dispoñibles é limitado, dende o CIM de Boqueixón indican que “non se facilitarán exemplares a aquelas familias que xa o recibiron a través dos centros educativos de Boqueixón”. Ademais, só se entregará un exemplar por familia”. Deste xeito, búscase que Alén loita e acariña poida estar presente no maior número de fogares.