A Biblioteca Municipal acolleu esta tarde a presentación do libro Alén loita e acariña. A publicación foi promovida polo CIM de Boqueixón, dentro das actividades con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25N).
O acto foi presidido polo alcalde, Manuel Fernández Munín, que estivo acompañado pola directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales, e polas dúas autoras do libro. Yolanda Neira, psicóloga do CIM de Boqueixón, encargouse dos textos, e Blanca Millán, ilustradora local, das ilustracións.
O rexedor salientou a importancia de “poñer en marcha materiais como esta publicación, xa que contribúen, dun xeito máis directo, a loitar contra a violencia de xénero e a sentar, dende a infancia, as bases para acadar unha sociedade igualitaria”. Fernández Munín felicitou ao CIM de Boqueixón pola iniciativa e tamén ratificou “a aposta desde Concello por poñer en valor o talento local, contando neste libro infantil co traballo dunha ilustradora do noso municipio”.
Ademais, o alcalde indicou que se editaron 500 exemplares que serán distribuídos entre escolares dos distintos centros educativos de Boqueixón e tamén entre a cativada empadroada, pero que estudan noutros municipios. “Unha vez que estean distribuídos entre a nosa poboación infantil, abriremos un prazo de solicitudes para aquelas persoas que queiran ter este libro”, detallou Manuel Fernández Munín.
Pola súa banda, Cristina Carbajales salientou a importancia de desenvolver “un proxecto como este, xa que se trata de algo moi novidoso na nosa contorna”. Ademais, amosouse moi satisfeita pola “boa acollida que está a ter o libro incluso antes da súa presentación”.
Do lema do CIM a un libro
Yolanda Neira explicou como xurdiu a idea de crear esta publicación: “Hai xa sete anos que As mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular se converteu no lema oficial do CIM, e dende entón todas as campañas que se realizan tratan de visibilizar esa mensaxe”. Dito lema xurdiu polo traballo que o CIM desenvolve coa poboación infantil en materia de prevención da violencia de xénero: “Naceu como unha frase para os nenos e as nenas, na que se lle convida a usar as mans e a fala para tratar ben ás persoas, unha mensaxe en positivo que implique a ese colectivo na semente do bo trato”, indicou Neira.
Dende entón, desenvolvéronse diversas iniciativas baixo este lema e, para reforzar ese traballo de prevención creouse o conto infantil. Alén loita e acariña foi escrito hai dous anos, logo dunha reunión coa directiva do CRA na que se tratou a colaboración para conmemorar o 25-N. A publicación ten como principal obxectivo “achegarlle á rapazada unha realidade que viven acotío e que non hai que normalizar”.
A través das súas páxinas, este conto “busca unha maneira na que falarlle á poboación infantil abertamente sobre a violencia de xénero coa fin de que aprendan a poñerlle nome a eses feitos que se dan, para poder identificala e rexeitala. A mellor maneira para abordar certos temas na infancia é a través dos contos, polo que ese foi o recurso que decidín utilizar, e escribín unha historia a través da cal realicei dende entón diversas sesións de contacontos”, concretou a psicóloga do CIM.
O libro completouse co labor de Blanca Millán, encargada de realizar as ilustracións, quen se amosou moi satisfeita por “poder participar nun proxecto que se desenvolve no meu municipio”. Ademais de poñer en valor o talento local, tamén contribúe á dobre visibilización dun traballo realizado integramente por mulleres.
Alén loita e acariña busca ser “unha ferramenta para familias e docentes que facilite conversar coas nenas e nenos sobre a violencia”. Como vindeiras accións, dende o CIM están a estudar a posibilidade de editar guía didáctica para traballar nas aulas e complementar, así, a lectura deste conto infantil.