O CIM de Boqueixón continúa coa súa programación con motivo da conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Será o propio día 25 de novembro cando se presente o conto infantil Alén loita e acariña, editado polo Concello de Boqueixón. A presentación terá lugar ás 17.00 horas na Biblioteca Municipal e servirá tamén para amosar as súas renovadas instalacións.
A publicación foi escrita por Yolanda Neira, psicóloga do CIM de Boqueixón, e ilustrada por Blanca Millán, ilustradora local, apostando, deste xeito, pola visibilidade do talento local. Este libro infantil distribuirase entre escolares dos distintos centros educativos do concello e tamén entre crianzas empadroadas no municipio, pero que estudan en colexios de fóra del.
O conto infantil Alén loita e acariña fala dende unha perspectiva próxima ás crianzas sobre a violencia de xénero e o acoso escolar. Para iso, esta publicación busca ser, tal e como indican dende o CIM de Boqueixón, “unha ferramenta que permita a familias e persoal da educación traballar con este público a prevención da violencia a través da lectura”. Pasada a presentación habilitarase un formulario de reserva dun exemplar para aquelas familias do Concello que non teñan as súas crianzas escolarizadas aquí e que desexen adquirilo.
Esta iniciativa inclúese dentro da programación especial que o Centro da Información á Muller de Boqueixón organizou con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero e conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.