O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha o programa de conciliación Tardes Educativas e de Lecer. As sesións desenvólvense nas instalacións do CPIP Antonio Orza Couto baixo todas as medidas de seguridade e prevención contra a COVID-19.
Participan preto dunha decena de nenas e nenos en idade escolar participan nas actividades. Dadas as novas restricións divídense en grupos máximos de 5 persoas (coa monitora) co fin de garantir a seguridade da cativada.
Este servizo ofrece, por unha banda, o acompañamento escolar en todas as materias impartidas segundo os niveis e, por outra, actividades de lecer de diverso tipo. O principal obxectivo das mesmas é, segundo explican dende a propia organización, “potenciar a autonomía e a creatividade das crianzas, sen esquecerse de facelo dende a educación emocional e de valores”. Así, a través de distintos obradoiros “trabállase o respecto e a empatía, sacando o mellor deles e delas dende a investigación, a imaxinación e o cariño”.
Nestas primeiras xornadas os nenos e nenas completaron distintas actividades de lecer como debuxo e pintura, lectura, contacontos, xogos de mesa e tamén figuras de origami. Todas estas propostas plantéxanse como complemento ao acompañamento escolar naquelas materias nas que presentan máis dificultades.
O programa de conciliación Tardes Educativas e de Lecer aínda conta con algunhas prazas libres. As persoas interesadas deberán contactar co Departamento de Cultura e Educación do Concello de Boqueixón (cultura@boqueixon.gal ou no teléfono 981 513 115).