Preto de 50 persoas asistiron o sabádo 12 de setembro ao espectáculo ‘Un verso. Un cantar.’ que Queiman e Pousa representaron no Campo da Feira de Lestedo ás 20.00 horas. Á actividade cultural tamén asistiron o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, e os alcaldes de Boqueixón e Vedra, así como varios concelleiros dos dous Concellos.
A cita, desenvolvida polos Concellos de Boqueixón e Vedra e co apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística, tiña entrada de balde, pero aforo limitado, polo que había que facer unha inscrición previamente.
O uso de máscara en toda a actividade era obrigatorio, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e o uso de xeles hidroalcohólicos.
Compromiso coa cultura galega
Un verso. Un cantar é un espectáculo ambientado no século XX onde, segundo explican dende a compañía Queiman e Pousa, “a poesía e canción van da man”, nunha orixinal homenaxe á Emigración Galega e que rememora a figura de Antón Fraguas. A través de distintas expresións artísticas ofrécese ao público un amplo abano de posibilidades lendo a creadores tan recoñecidos como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Neira Vilas, así como de autores actuais como Méndez Ferrín ou Manuel Rivas.
Teatro, canto e música fusiónanse nesta proposta que supón un firme compromiso coa cultura galega. Ao mesmo tempo, o espectáculo proponse como algo “próximo tanto polo sentimento que agocha tras cada verba ou nota, como pola novidade e amplitude de público que abrangue”, amosando a identidade da cultura galega a través dos seus escritores e, deste xeito, lembrar aos galegos e ás galegas que cruzaron o Atlántico deixando a súa terra atrás na procura dun futuro mellor.