O programa de conciliación estival Verán Activo pechou as actividades previstas para o mes de xullo cunha sesión de maxia a cargo do Mago Noel. As cativas e cativos participantes gozaron dunha mañá de ilusionismo que se complementou con outras propostas de lecer como unha actividade con inchables.
Dentro das actividades de Verán activo realizouse tamén un plan de visitas á biblioteca municipal de cara a fomentar o hábito lector entre a rapazada. Nestas sesións propúxolle ás crianzas asistentes un concurso de debuxo dun monstro, a raíz do contacontos realizado. Recollidos todas as propostas, os propios nenos e nenas participantes, ademais de persoal de monitoraxe e de voluntariado, votaron o mellor debuxo. Resultou gañador, Lucas García, do grupo de Verán Activo Os Salvaxes, cun vistoso dinosauro.
O programa de conciliación tamén incluíu unha nova xornada desenvolvida polo CIM de Boqueixón. Neste caso, a proposta dirixiuse á cativada de entre 4 e 8 anos participante no Verán Activo. Con este grupo desenvolveuse un obradoiro interactivo no que, a través do conto Alén, loita e acariña e do Photocall pola Igualdade, se trataron as temáticas da violencia de xénero e do acoso escolar, procurando en todo momento que cativas e cativos sexan creadores de relacións sen violencia.