Vinte persoas participaron na primeira sesión das visitas guiadas xeolóxicas ao Pico Sacro. Esta actividade, promovido pola empresa Geotur Galicia en colaboración co Concello de Boqueixón, comezou onte pola mañá, contando con boa acollida por parte do público.
A xornada solleira acompañou á actividade, na que se puido explicar con todo detalle a importancia xeolóxica do Pico Sacro. As persoas asistentes amosáronse moi interesadas na temática tratada no percorrido, que os levou por distintos puntos deste enclave. As paradas principais realizáronse no cumio principal deste monte, o sub-cumio oeste, as dúas bocas das covas e a Rúa da Raíña Lupa.
A seguinte cita terá lugar o vindeiro domingo 1 de agosto. Dende a organización, indican que xa hai varias reservas para as sesións programadas para o vindeiro mes.
As visitas teñen un custo de 10 euros/persoa, sendo de balde para menores de 12 anos. O prezo inclúe Guía Oficial de Turismo de Galicia e Seguro de Responsabilidade Civil. As prazas son limitadas e deberán realizarse as reservas previa inscrición a través do enderezo electrónico geoturgalicia@gmail.com ou no teléfono 675 820 520.
Dende o Concello de Boqueixón lembran a importancia desenvolver estas actividades respectando todas as medidas hixiénico-sanitarias de prevención contra a COVID-19. Por iso, será obrigatorio o uso de máscaras en toda a actividade, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e terán á súa disposición xeles hidroalcohólicos. Ademais, a propia empresa conta coa acreditación do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e da Xunta na aplicación dos protocolos frente a COVID-19.