A Consellería de Política Social vén de abrir o periodo de inscrición para os campamentos de verán. Baixo o nome O verán que necesitas establécese unha oferta de ata 6.872 prazas dirixidas á mocidade para as actividades de lecer que se desenvolverán nos vindeiros meses de xullo, agosto e setembro. A Xunta reservou unha convocatoria específica de 132 prazas para as persoas con discapacidade de entre 11 e 40 anos. As distintas propostas de lecer desenvolveranse nun total de 35 instalacións distribuídas polas catro provincias galegas.
As actividades da Acción de Verán da Xunta de Galicia diríxense:
• A persoas nacidas no ano 2002, que non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
• A persoas nacidas no ano 2011, que deberán ter cumpridos 9 anos no momento do inicio do campamento.
A Acción de Verán contempla o desenvolvemento de campamentos de verán, campos de voluntariado e, como novidades desta edición, minicampamentos e prazas en residencias xuvenís. Neste senso, e co fin de adaptarse ás necesidades da nova normalidade implementáronse unha serie de medidas como a redución no aforo das instalacións de lecer (para garantir a distancia interpersoal entre participantes e equipo técnico); o reforzo do persoal monitor (previamente formado e que traballará con grupos de ata 15 participantes), e o incremento das medidas hixiénico-sanitarias de carácter persoal e na propia instalación, dacordo co protocolo concretado polas autoridades sanitarias.
A presentación de solicitudes deberase formalizar en 7 días hábiles a partir de hoxe. Preferentemente presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal (procedemento BS303F, de carácter xeral, e BS303H, para as prazas de inclusión). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á do peche da convocatoria.
A adxudicación pode ser:
• Directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles.
• Por sorteo, por medios informáticos, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles. Efectuaranse dous sorteos independentes segundo o procedemento polo que se solicite (o xeral ou o de prazas reservadas para inclusión). Neste caso, o sorteo realizarase, ante notario/a. O día concreto de realización do sorteo anunciarase na páxina web de Xuventude, http://xuventude.xunta.es. Mediante este sorteo, cubriranse as prazas nas distintas actividades que especifica o anexo I da orde reguladora.
Contémplanse unha serie de descontos -non acumulables- nos prezos das actividades (que varían entre os 117,36 e os 193,30 euros):
• 50% para membros de familia que teñan o título de numerosa.
• 50% para familias que teñan o certificado de recoñecemento da condición de familia monoparental expedido pola Consellería de Política Social.
• 25% para as persoas usuarias do Carné xove. Para poder aplicar o desconto a persoa beneficiaria deberá ser titular do Carné xove e telo vixente no momento de efectuar o pagamento. A información para facer o Carné xove pode consultarse en http://xuventude.xunta.es/carnes-para-a-mocidade/carne-xove.
Tal e como se indica no propio folleto informativo da Campaña de Verán 2020, a participación realizarase mediante inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous, tres ou catro irmáns ou irmás). As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:
• Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación das mozas e mozos.
• O aloxamento nun albergue, nunha residencia ou nun campamento.
• A manutención en réxime de pensión completa.
• O material necesario para a actividade.
• Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e
actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais por razón
da súa discapacidade, disporase de persoal de apoio que conte con formación e experiencia para atender as
súas necesidades.
• Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
Toda a información sobre a Acción de Verán está dispoñible na web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Pódese acceder premendo aquí. A información específica sobre os campamentos dirixidos a persoas con discapacidade pódese consultar neste enlace.
Adxuntos
- AccionDeVeran2020 (2 MB)