O Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo de solicitude para as cacharelas da noite de San Xoán, se ben este ano só se poderán facer cacharelas privadas para garantir as medidas de seguridade e sanitarias de prevención frente á Covid-19. A entrega da documentación correspondente deberase realizar antes do 22 de xuño ás 12.00 horas do mediodía no rexistro xeral boqueixanés ou na sede electrónica. O modelo de solicitude pódese descargar premendo aquí.
Dende o Concello concretan unha serie de normas de obrigatorio cumprimento na realización das cacharelas de San Xoán (que tamén se poden consultar no anexo ao documento de solicitude do permiso):
- As persoas que desexen realizar unha cacharela, presentarán a solicitude correspondente no rexistro deste concello antes das 12:00 horas do día 22 de xuño, sinalando o lugar elixido, así como o nome, enderezo e teléfono dos responsables da organización, que deberán ser responsables de coidar os arredores.
- O volume de combustible da cacharela non sobrepasará os oito (8) metros de perímetro nin os tres (3) de altura.
- A separación entre as cacharelas e os edificios e árbores será, como mínimo, de vinte (20) metros. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, así como, de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.
- Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, etc., e en xeral, calquera substancia que ó arder desprenda fume tóxico.
- En ningún caso se botará ó lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda cando estean baleiros.
- No suposto de que a cacharela se realice sobre terreos de uso público enlousado, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm.
- Ó rematar a cacharela e antes de abandonar o lugar, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e a pavimentación quede no mesmo estado no que se atopaba antes de iniciarse o lume.
- Será obrigatoria a Iimpeza do espazo autorizado ó remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematada a cacharela e/ou sardiñada.
Solicitude cacharelas 2020 (Particulares)