Boqueixón acolleu o domingo unha charla informativa sobre un proxecto sobre toponimia da arqueóloga Ana Isabel Filgueiras Rei. A iniciativa recolle a toponimia das distintas zonas de Boqueixón e Vedra vinculadas coa serra do Pico Sacro, e por tanto representa a memoria deste pobo. O estudio que se presentou está moi ligado tamén a todo o patrimonio mitolóxico, etnográfico e social do territorio. Se ben, hai que puntualizar que este é un traballo vivo, para o que aínda se segue recompilando información, e que precisa a aportación dos cidadáns.
A xornada do domingo 29 no Centro de Interpretación do Pico Sacro en Lestedo foi organizada en colaboración co Concello de Vedra, e o título da conferencia era ‘Proxecto de recuperación da memoria, nomes de lugares e lendas da serra do Pico Sacro’.
A autora do estudio é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, e actualmente exerce como arqueóloga en Boqueixón e na Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Noia. Ademais tamén é profesora e titora da UNED en Vigo.