A Fundación Xosé Neira Vilas celebra este domingo ás 17.00 horas unha xornada en homenaxe ao escritor, coincidindo co seu natalicio. A actividade na honra do tamén Fillo Adoptivo do Concello de Boqueixón desenvolverase na sé da Fundación en Gres (Vila de Cruces).
Realizarase unha lectura pública de Memorias dun neno labrego. Poderán participar nesta lectura todas as persoas que o desexen. O obxectivo é poder ler todo o texto da novela máis recoñecida do autor. Tamén se fará entrega do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, que nesta cuarta edición recaeu en Antonio Piñeiro pola súa obra Esca!
Dende o Concello de Boqueixón animan á veciñanza a sumárense a esta homenaxe e a participar nas distintas actividades que se desenvolverán este domingo na Fundación Xosé Neira Vilas. Ao mesmo tempo, dende o Concello tamén animan aos distintos centros educativos do municipio a organizar actividades en torno á figura do escritor na primeira semana de novembro, con motivo da conmemoración do seu nacemento.