O alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, visitaron esta mañá o CPI Antonio Orza para comprobar a boa marcha das obras de cambio da antiga cuberta de pranchas de fibrocemento con amianto e a colocación dunha nova cubrición a base de panel “sándwich” que mellorará o illamento térmico do centro escolar. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional inviste 48.000 euros nestes traballos.
As obras consisten na retirada da antiga cuberta de pranchas de fibrocemento con amianto e a colocación dunha nova cubrición a base de panel “sándwich” de aceiro con illamento intermedio. Ademais, tamén se colocou outra capa de illamento sobre o forxado do baixo cuberta e substituíronse canles e baixadas de PVC por outras de aceiro galvanizado.
O delegado territorial destacou que “a anterior cuberta atopábase nun avanzado estado de deterioro, que producía filtracións de auga cara ao interior da edificación e con esta obra, ademais de garantir a estanqueidade do tellado, tamén se mellorou a eficiencia enerxética da edificación”.
Nos últimos tres anos a Xunta de Galicia realizou diversas obras de mantemento e mellora no Centro Público Integrado Antonio Orza Couto de Boqueixón, entre as que destacan o cambio das xanelas no edificio de primaria, a instalación dunha nova caldeira e depósito de gasóleo ou a reparación da fachada e a posta en marcha dun ascensor no edificio de secundaria.