O Concello de Boqueixón vén de completar arranxos nunha trintena de pistas e camiños municipais a través dos distintos proxectos do POS e do PAI. O investimento realizado nas distintas actuacións achégase aos 470.000 euros e permitiu acometer traballos de acondicionamento e mellora dos viarios municipais nas distintas parroquias.
“Todas estas actuacións buscan optimizar as vías de comunicación dentro do municipio facilitando, deste xeito, a mobilidade da nosa veciñanza”, indica o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. O rexedor tamén lembrou que aínda quedan pendente dous proxectos máis dentro destes plans por completar.
Dentro do POS 2018, acometéronse os asfaltados dos camiños de Noenlle a Feal por Mareque; do cruce de Carabán ao cruce de Lamas por Cubelo, e de Agra pola Volta cara o lugar da Igrexa, localizados nas parroquias de Sergude, Vigo e Loureda, respectivamente. Neste caso, investíronse 64.000 euros ao abeiro do plan provincial.
Tamén se aplicou capa asfáltica nos seguintes viarios da parroquia de Oural, por valor de 47.000 euros: pista de Villalapaz a Lubián polo cruce de Palmeira, camiño de subida de Lubián á pista Palmeira e camiño da panadería San Cidre ata o límite co municipio de Touro. Os asfaltados complétanse coas melloras nos camiños de Orto a Igrexa (parroquia de Boqueixón) e de Rubial a C. Varela (Lestedo) e na pista do lugar da Igrexa cara As Regas (Gastrar). Neste caso, o investimento foi de 58.000 euros.
En zahorra leváronse a cabo melloras nos camiños de Melón a Alto de Outeiro (Lamas); de Rubial a volta de Cachosenande (Lestedo) e da aglomerada do Pico cara Cachosenande (Lestedo). Tamén se aplicou zahorra ás pistas pasando a Cruz cara Caneda (nas parroquias de Vigo e Loureda), do alto de Quián á xeral de Deseiro de Abaixo (Sergude), e da churrera cara a aglomerada do Pico (Lestedo).
POS Complementario
Co POS Complementario, aplicouse unha capa de aglomerado ao camiño do cruce de Vigo ao de Carabán, na parroquia de Vigo. O proxecto contou cun orzamento de máis de 80.000 euros.
Pola súa banda, a través do plan PAI leváronse a cabo melloras nun total de 14 pistas de oito parroquias por un valor superior a 165.000 euros. Así, 53.000 euros destináronse a asfaltados nos camiños de Gastrar a Lamparte (parroquias de Loureda e Gastrar) e da calle da Ponte á AC-960 pola Abeleira (Ledesma). Tamén se acometeron arranxos nas pistas da Abeleira ao Castro (Ledesma); ao pozo de bombeo de Noente e subida Veloso (Ledesma) e de Corral a Supazo (Pousada).
Por valor de 61.000 euros aplicáronse capas de asfaltados nos camiños do Campo da Festa da Granxa a Boqueixón (Boqueixón); da AC-261 ao medio das casas en Rubio (Vigo); de Vigo a Melón de Abaixo (Vigo); da estrada da Deputación á planta de Orto (Boqueixón) e de Engás a Granxola (Codeso), ademais da pista da AC-960 ao final dos invernadoiros de Corna (Pousada).
Finalmente, e a través dun investimento de máis de 51.000 euros, acometéronse os asfaltados nas pistas da solaina ao cruce da aglomerada polo Pico Sacro (A Granxa) e xunto a churrera. Completouse este proxecto coa mellora con capa asfáltica ao camiño do establo Canabal ao fontaneiro.