A Capela de San Sebastián, no Pico Sacro, acolle este domingo a presentación do libro Calas Blancas, de Emily Rodríguez Santos. A actividade, impulsada polo Concello de Boqueixón, terá lugar a partires das 19.00 horas e a entrada é libre.
A presentación desta publicación contará coa intervención de José Manuel López, Josele, que acompañará a autora. Tamén porá o broche de ouro a esta presentación cunha breve actuación.
Emily Rodríguez Santos
Filla de pais galegos, naceu en Southampon no 1983. Residíu en Inglaterra ata os seis anos, época na que a súa familia regresou a Galicia. A pesares das duras vicisitudes da súa vida, Emily Rodríguez Santos escribíu esta novela coa axuda do seu marido, a súa familia e numerosos amigos.
Calas Blancas relata a vida dunha moza chamada Sofía, que esperta dolorida nun misterioso lugar sen saber exactamente como chegou alí… Trátase dun monasterio, localizado nunha magnífica paraxe, e no que, como ela, tamén se aloxan outras persoas, coas que comeza a estreitar lazos de amizade. Sen embargo, non poderá romper a única norma deste lugar: Non pode ter contacto co mundo exterior e nin sequera coa súa propia familia. Un misterio que Sofía deberá resolver.