O Concello de Boqueixón promocionará esta semana os seus atractivos turísticos na feira Turexpo-Festur, incluída dentro da 42ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde. A cita desenvolverase entre os días 6 e 9 de xuño no recinto feiral de Silleda.
“Dende o Concello de Boqueixón apostamos novamente por estar presentes no considerado como o maior certame multisectorial de mostras e lecer do noroeste peninsular. Amosaremos ao numeroso público asistente os principais atractivos turísticos e gastronómicos do noso municipio co fin de atraer maior número de visitantes”, indica o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín.
Así, Boqueixón contará cun expositor propio onde amosará o seu amplo patrimonio cultural, arquitectónico, gastronómico e turístico. Non faltarán, neste senso, Festas de Interese Turístico como A Filloa de Lestedo e os Xenerais da Ulla, información que se complementará cos atractivos de enclaves de referencia como o Pico Sacro ou a Ponte Romana de Ledesma.
Ademais de ofrecer información, o Concello de Boqueixón protagonizará, xunto con Vedra e Vila de Cruces, a Degustación de Produtos ‘Val do Ulla’ este venres 7 de xuño. Esta actividade terá lugar entre as 12.30 e as 13.30 horas na área de degustacións do pavillón 2 do recinto feiral silledense.