O Concello de Boqueixón deu comezo ás obras de construción dunha senda peonil na parroquia de Lamas. O proxecto conta cun orzamento de preto de 100.000 euros, sendo financiado nun 80% pola Deputación da Coruña, que aporta un total de 77.257 euros a través dun convenio de colaboración asinado coa entidade local. O prazo de execución dos traballos é de seis meses.
“Esta senda peonil mellorará notablemente a seguridade viaria nun lugar onde hai bastante tráfico de vehículos, xa que é un itinerario de acceso ao aeroporto de Santiago”, explica o rexedor boqueixanés, Manuel Fernández Munín. O alcalde lembrou tamén que esta nova infraestrutura “vén a dar resposta a unha antiga demanda da veciñanza de Lamas”.
A senda peonil que se está a construír en Lamas contará cun total de 621 metros de longo e estará dividida en sete treitos: 300×2,50; 70×1,00; 47×1,80; 42×1,80; 60×1,60 e 54×1,40. Ademais da propia senda, levaranse a cabo os traballos de canalización, coa execución de 15 arquetas con sumidoiro de 21 metros de caz con reixa para a recollida de augas pluviais, así como a canalización para o alumeado público, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma.
Con dez centímetros de zahorra e quince de formigón, a construción da senda peonil de Lamas unificarase coa estrada cunha capa de microaglomerado ao ancho da mesma para elevar a cota da rasante. O proxecto tamén recolle o traslado dos colectores de lixo e o seu ocultamento cunha estrutura de madeira, retirada e colocación dunha nova marquesiña, instalación de 4 bancos de pedra granítica e repintado da sinalización horizontal.