O Concello de Boqueixón vén de dar o pistoletazo de saída oficial á segunda edición do Un mes e Pico. Ciclo Cultural: O Pico Sacro na Cultura Xacobea. Unha proposta cuxo principal obxectivo é a posta en valor do Pico Sacro e do seu vencellamento coa cultura e tradición dos Camiños de Santiago.
O comezo das actividades desenvolveuse esta mañá na Capela de San Sebastián e contou coa presenza do alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín; o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. O rexedor foi o encargado de explicar o amplo programa de actos que, nesta ocasión, contará con varias novidades. Entre elas, o I Concurso de Graffiti Xacobeo Mitolóxico, que dará comezo mañá, e o I Certame de Novos Talentos de Pintura Rápida, que se desenvolverá o vindeiro 2 de xuño. As bases de ambos as dúas iniciativas poderanse consultar na web municipal (www.boqueixon.gal).
O ciclo Un mes e Pico mesturará distintas disciplinas que estarán directamente vencelladas ao tamén coñecido como Monte Sagrado. Así, o venres 17 este enclave será novamente o punto de partida da Carreira das Letras. Unha cita deportiva que congrega a centos de persoas que realizarán un percorrido entre o Pico Sacro e a Cidade da Cultura.
Ao día seguinte, a Capela de San Sebastián acollerá a primeira das tres conferencias que se ofrecerán durante este ciclo. O profesor de Historia da Arte da USC, Juan Manuel Monterroso, ofrecerá, ás 20.00 horas, a ponencia titulada Monsagro. Textos e imaxes para unha tradición xacobea.
A seguinte fin de semana ofrecerase unha visita teatralizada ao Pico Sacro. Terá lugar o sábado 25 de maio ás 17.30 horas. Baixo o título A resurrección da Raíña Lupa. Translatio do corpo do Apóstolo, ofrecerase unha viaxe no tempo ata a época en que os restos do Apóstolo Santiago pasaban por este Monte Sagrado.
As actividades do mes de xuño comezará o domingo 2 pola mañá coa celebración do I Certame de Novos Talentos de Pintura Rápida. A contorna da Vía da Prata, o Camiño de Inverno e o Pico Sacro serán os lugares que servirán de inspiración para os e as artistas que se acheguen a Boqueixón para participar neste concurso de artes plásticas.
A seguinte fin de semana, o sábado 8 de xuño, a Capela de Sebastián acollerá unha nova conferencia. Nesta ocasión, correrá a cargo do Doutor en Ciencias da Información pola USC Manuel Gago Mariño, que falará sobre O Pico Sacro e as vellas montañas sagradas da Europa Atlántica: Unha historia por construír e comunicar. Dará comezo ás 20.00 horas.
Cerimonia, Ofrenda e Entrega do Lume Sagrado
As citas máis multitudinarias do ciclo cultural Un mes e Pico desenvolveranse os días 16, 22 e 23 de xuño, coa celebración da Cerimonia, a Ofrenda e a Entrega do Lume Sagrado, respectivamente. Todas as representacións rememoran a tradición celta de celebración da chegada do solsticio de verán.
Así, o domingo 16 de xuño a Raíña Alda e o seu séquito trasladaranse ao cumio do Pico Sacro para acender o Lume Sagrado por medios naturais, utilizando unicamente a forza do sol. Unha cerimonia que terá lugar a partires das 13.00 horas.
A seguinte fin de semana, a comitiva liderada pola Raíña Alda e polo Druída achegaranse a Santiago para protagonizar un vistoso desfile. O percorrido comezará ás 22.00 horas na Alameda compostelá para despois atravesar o casco histórico ata chegar á Praza de Mazarelos. Alí realizarase a Ofrenda do Lume Sagrado, símbolo de purificación e de unión entre Boqueixón e a cidade.
Ao día seguinte, todas aquelas persoas que queiran poderán achegarse á Capela de San Sebastián para recoller o Lume Sagrado e utilizado nos lumeiros de San Xoán. Una Entrega que se realizará entre as 18.00 e as 22.00 horas.
A última fin de semana do ciclo Un mes e Pico comezará o venres 28 de xuño ás 23.00 horas cunha actividade moi especial. O coñecido físico e divulgador científico Jorge Mira dirixirá a sesión de observación astronómica baixo o título Unha ollada ó firmamento dende a tumba do dragón.
O programa cultural finalizará o sábado 29 de xuño coa conferencia O condado de Lupa no territorio Montesagro, que correrá a cargo da arqueóloga Isabel Filgueiras Rey. A actividade dará comezo ás 20.00 horas e finalizará cun recital de piano a cargo de Sofía Silva Carbajales.
Todas as actividades do ciclo Un mes e Pico son de balde, previa inscrición no Departamento de Turismo. Poderanse realizar a través do teléfono 981 513 061 ou do e-mail boqueixonturismo@gmail.com.
Pódese consultar o programa completo no arquivo adxunto ou premendo no enlace.
Adxuntos
- CartelUnMesEPico (516 kB)
- CartelUnMesEPico (516 kB)
- CartelUnMesEPico (516 kB)
- CartelUnMesEPico (516 kB)