O Pazo de Quián (na parroquia de Sergude) acollerá este sábado 11 de maio unha xornada de portas abertas. Impulsada pola Xunta de Galicia e polo Concello de Boqueixón, esta actividade ten como principal obxectivo dar a coñecer á cidadanía as renovadas instalacións dun edificio que será o gran escaparate do sector agroalimentario galego.
A xornada de portas abertas desenvolverase entre as 10.00 e as 13.00 horas e nela participarán o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez; o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, e o director da Axencia de Calidade Agroalimentaria (AGACAL), Manuel Rodríguez Vázquez. As autoridades serán as encargadas de amosar ás persoas asistentes as renovadas instalacións da sé do AGACAL, axencia encargada de velar polos produtos agroalimentarios con distintivo de calidade e orixe.
Durante o percorrido, poderase contemplar a completa rehabilitación que se desenvolveu neste inmoble. Unha actuación cuxo resultado tamén puido comprobar a Súa Maxestade o Rei Felipe VI durante a súa visita a Boqueixón co gaio do Día Internacional dos Bosques. A xornada de portas abertas finalizará cun ágape a base de viños con D.O. e produtos galegos con indicativo de calidade e orixe.
O proxecto comprendeu a renovación do exterior do Pazo de Quián, ademais da adecuación dos interiores do inmoble aportando unha imaxe moderna. Amplas salas de reunións, despachos e zonas de esparcemento completan unha actuación que farán deste centro un referente do sector agroalimentario galego e que dende a Xunta e o Concello queren dar a coñecer á cidadanía.
Para asistir a esta cita só compre con achegarse ao Pazo de Quián entre as 10.00 e as 13.00 horas para comprobar o traballo realizado nestas instalacións. Dende a Xunta e o Concello animan á cidadanía a participar nesta xornada de portas abertas.