A Consellería de Política Social, a través da Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntario, vén de abrir o prazo de inscrición para a Acción de Verán. Esta campaña, baixo a lenda O verán que queres vivir, pon á disposición da mocidade de entre 9 e 30 anos un total de 9.834 prazas. A proposta de actividades para os meses de xullo, agosto e setembro inclúe campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o luns a orde que rexe a solicitude de praza para os campamentos en Galicia e noutras comunidades, polo que dende onte xa se poden formalizar as inscricións. O prazo finalizará o vindeiro 7 de maio, incluído. Pola súa banda, a convocatoria para inscribirse nos campos de voluntariado abrirase o vindeiro xoves, día 25, e pecharase o 10 de maio en primeira convocatoria. Toda a información estará dispoñible na páxina web de Xuventude.
Poderán participar as mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade, e ademais este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.
Esta nova campaña de verán incorpora tres campamentos: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.
Accións de voluntariado
Tamén se incrementa o número de campos de voluntariado, os que se coñecían ata este ano como campos de traballo, ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: Vía da Prata, que se celebrará en Boqueixón e Vedra.