Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces ofreceron unha presentación do programa de dinamización xuvenil Val do Ulla. O acto, que tivo lugar no Centro de Formación Municipal de Vedra, contou coa asistencia dos alcaldes dos tres Concellos, Manuel Fernández Munín, Carlos Martínez Carrillo e Jesús Otero, respectivamente. Este programa conxunto ten como principal obxectivo promover na xuventude do Val do Ulla a adquisición das competencias necesarias para acadar un desenvolvemento persoal, social e profesional adaptado á súa contorna, ás súas necesidades e aos seus intereses.
As actividades comezaron xa entre o pasado mes e este coa posta en marcha de catro obradoiros. Durante o presente ano, desenvolveranse arredor de medio cento de cursos e obradoiros gratuítos dirixidos á mocidade de entre 14 e 30 anos dos tres municipios participantes nesta iniciativa conxunta. No arquivo adxunto (ou premendo aquí) podes consultar toda a oferta formativa.
O programa de dinamización xuvenil Val do Ulla levarase a cabo a través do reforzo das canles de comunicación e información entre a mocidade poñendo en marcha diversas accións centradas en cinco proxectos específicos:
- Posta a punto: accións formativas para a adquisición de competencias para o emprendemento creativo. O seu obxectivo é dotar de ferramentas á mocidade para o seu crecemento persoal e profesional. Ao mesmo tempo, permite o seu empoderamento e mellora as habilidades básicas interdisciplinares en materia de emprego.
- Punto Crea: propostas para crear un espazo de reflexión sobre as experiencias formativas do programa e fomentar a creación de ideas no eido do emprendemento rural creativo.
- Punto a Punto: actividades coas que se busca dar respostas formativas aos potenciais xacementos de emprego no territorio vencellados aos ámbitos do turismo (co río Ulla como eixo vertebrador), o eido sociosanitario, o acompañamento social ou nas TICs.
- Punto por Punto: programa de formación que pretende educar en emoción e en valores nos diferentes centros de ensino. Trátase dun proxecto transversal que pretende facer de complemento á formación que recibe a mocidade, favorecendo unha introspección que lles poida servir no seu día a día, en diferentes contextos e realidades.
- Punto Info: iniciativa que avoga pola difusión, posta en coñecemento e en valor de todas as accións anteriormente indicadas. Este último punto corresponde ao persoal dos Concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces.
A mocidade interesada en obter máis información, pódese dirixir a calquera das OMIX dos Concellos de Boqueixón (omixboqueixon@gmail.com // 981 513 115); de Vedra (xuventude@concellodevedra.com // 981 814 691) e Vila de Cruces (concellodeviladecruces@gmail.com // 986 582 017).
Adxuntos
- ObradoirosCursosValDoUlla (4 MB)
- ObradoirosCursosValDoUlla (4 MB)
- ObradoirosCursosValDoUlla (4 MB)
- ObradoirosCursosValDoUlla (4 MB)