A campaña Axúdanos a loitar contra a velutina, iniciada o pasado ano polo Concello de Boqueixón, vén de ampliarse tras a entrega dun total de 55 trampas á veciñanza. Esta realizouse onte na aula de usos múltiples do consistorio á que acudiron arredor de 60 persoas interesadas en aprender como reducir o impacto desta especie invasora.
Persoal de Protección Civil ofrece unha sesión formativa a todas as persoas participantes na reunión. En primeiro lugar, explicouse a evolución da invasión da vespa velutina en territorio galego, así como as súas características distintivas con respecto ás vespas autóctonas. Dende Protección Civil reiteraron que o comezo da primavera resulta a mellor época para loitar contra esta especie invasora, xa que é a época na que as raíñas saen do seu letargo invernal para iniciar a creación dos niños. Polo tanto, cada raíña que se atrape suporá un niño menos.
A continuación, procedeuse a explicar como utilizar as trampas que se entregaron á veciñanza e onde se deben colocar. Cada solicitante recibiu un pack cun recipiente con forma de mazá, cunha capacidade de 2,4 litros, ecolóxicas e reutilizables, e máis a dose exacta de líquido atraente que se lle debe botar –de 300 mililitros-. A maiores, tamén se explicaron como elaborar trampas caseiras con refugallos que se poden atopar en todos os fogares e que funcionarían como reforzo ás xa entregadas.
Ao igual que o ano pasado, Protección Civil realizará un seguimento das capturas de raíñas que se realicen nas vindeiras semanas. En 2018 atrapáronse máis dun milleiro de vespas velutinas reducindo, deste xeito, o impacto desta especie invasora no municipio.
Dende o Concello de Boqueixón lembran que a campaña aínda está aberta e animan á veciñanza a sumarse a esta loita contra a vespa velutina. As persoas interesadas en adquirir a súa trampa gratuíta poden solicitala chamando ao teléfono 981 513 061 ou remitindo un e-mail a concello@boqueixon.gal.