O Concello de Boqueixón e a Asociación Cultural da Filloa organizan durante todo o día a xornada A Filloa de Lestedo na Galiciana. A presentación desta cita desenvolveuse esta mañá, nun acto presidido polo alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, e no que estivo acompañado nesta presentación polo presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal Vázquez, e polo xerente do Mercado La Galiciana, Benigno Sánchez.
Na súa intervención, o rexedor explicou que “con esta actividade pretendemos amosar a versatilidade na gastronomía do noso produto máis coñecido”. Fernández Munín agradeceu ao xerente de La Galiciana “a boa disposición que en todo momento amosaron para desenvolver a xornada de posta en valor da Filloa de Lestedo nestas estupendas instalacións. Este mercado supón un excelente escaparate para amosar ás persoas visitantes a valía dos nosos produtos e do traballo que desenvolve a nosa veciñanza”, asegurou.
Son varias as propostas que se amosarán na xornada de hoxe. “Durante todo o día, dúas integrantes da Asociación Cultural da Filloa elaborarán as filloas que os distintos establecementos hostaleiros utilizarán para crear deliciosas e novidosas receitas”, explicou o Fernández Munín.
Paralelamente, ofreceranse durante a tarde unha actuación dun grupo da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. Tamén se procurará sorprender ás persoas visitantes cun alto en directo dos Xenerais da Ulla. “Deste xeito, tamén poderemos dar a coñecer o noso Entroido tradicional, declarado de Interese Turístico de Galicia”, concretou o presidente da Asociación Cultural da Filloa.
Pola súa banda, Benigno Sánchez amosouse moi satisfeito “por colaborar na organización desta iniciativa”, ao tempo que agradeceu aos dez locais participantes o seu interese por ofrecer creacións innovadoras á clientela. Os petiscos, cun custo de 3,5 euros, que se poden degustar durante todo o día de hoxe son os seguintes:
- Veggie Carmen: Filloa rechea de guacamole e pico de galo
- Ollo Pataca: Filloa rechea de kartoffelsalat
- Lacón Street: Filloa rechea de pulled pork, ajipanca, cebola morada e boniato krispy
- Churras Churras: Filloa rechea de revolto de gambón e espinacas
- Le petit Tamboril: Filloas recheas de mexilóns tigres (picantes)
- Secretos de Galicia: Filloa rechea de mel, marmelada de ameixa e xalea de amorodo
- Tototruffa: Filloa rechea de formaggio squaquarone, salmón, caviar e leituga
- Central Heladera: Filloa rechea de nutela, amorodo e nata
- Iraxai: Filloa rechea de cogomelos á mantequilla, salsa de soia e vexetais tempurizados
- De pata en Pata: Filloa rechea de polbo
Esta iniciativa de posta en valor da Filloa de Lestedo está cofinanciada polo GDR Terras de Compostela. O presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal Vázquez, agradeceu o apoio desta entidade para dar a coñecer a valía dos produtos tradicionais do municipio. A acción está encadrada dentro da Medida Leader Galicia 2014-2020-Submedida 19.4 Promoción Territorial, no proxecto Sabores do Territorio.