Os Concellos de Boqueixón e de Vila de Cruces presentaron este mediodía a segunda edición das súas Visitas Teatralizadas a Ponte Ledesma-Gres. Serán os sábados 9 e 17 de marzo (12:00 horas) e nelas reviviranse as batallas napoleónicas libradas na propia ponte, este ano conmemorando o seu 210 aniversario.
A presentación desenvolveuse sobre a Ponte Vella de Ledesma, coa participación dos alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e de Vila de Cruces, Jesús Otero Varela, así como a concelleira de Servizos Sociais de Boqueixón, Ana Seijo, xunto a persoal técnico das dúas administracións locais.
Fernández Munín destacou o éxito de público e a elevada valoración que obtivo esta actividade o ano pasado e desexou que sirva para atraer numerosos visitantes ao lugar. Otero Varela explicou que as Visitas Teatralizadas deste ano “para nada son unha repetición”, posto que contarán con diversas novidades e algunha sorpresa final.
Na presentación desta mañá tamén fixeron aparición o actor Suso Martínez, encarnado no capitán do exército de Trasdeza, Benito Martínez, e un oficial napoleónico. O actor que exercerá como guía adiantou que este tipo de propostas permiten que as persoas que as visiten coñezan capítulos históricos relevantes vinculados a lugares tan emblemáticos e singulares como Ponte Ledesma.
Como participar
As Visitas Teatralizadas, que percorrerán a contorna máis próxima á ponte, conmemoran a batalla que se librou nela en 1809 entre as tropas de Napoleón e o exército de campesiños ao mando de Benito Martínez. O capitán e os seus lograron conter temporalmente o avance do exército francés grazas ao apoio da xente da zona que batallou armada con trabucos e apeiros de labranza.
As persoas interesadas en participar nestas visitas teatralizadas gratuítas deberán inscribirse ben no Concello de Boqueixón (no teléfono 981 513 061 ou no e-mail boqueixonturismo@gmail.com), ben no de Vila de Cruces (chamando ao 986 582 017 ou enviando un correo electrónico a concellodeviladecruces@gmail.com). O período para inscribirse á actividade conclúe o venres anterior a cada unha das representacións.