O Concello de Boqueixón puxo en marcha a súa programación especial de Nadal coa celebración de varias actividades culturais e deportivas. Unhas propostas de lecer que continuarán esta fin de semana coa actuación de Manoele de Felisa e de integrantes do seu grupo A Roda este sábado 29 de decembro.
O concerto, organizado pola Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio en colaboración co Concello de Boqueixón, desenvolverase na Casa da Cultura de Camporrapado a partires das 19.00 horas. A entrada é de balde. Porén, por motivos de aforo, as entradas deberán recollerse na casa consistorial, quedando só 100 dispoñibles.
Este mesmo lugar acolleu o pasado domingo o sorprendente espectáculo de maxia cómica teatralizada de Cayetano Lledó. O ilusionista protagonizou o seu Lafayette Show, co que fixo as delicias de maiores e cativada.
Torneo de Fútbol Sala
Por outra banda, o pavillón polideportivo de Lestedo acolleu onte o tradicional Torneo Interparroquial de Fútbol Sala, que este ano cumpríu as súas vodas de prata. Foron un total de 6 os equipos participantes nesta competición, que se dividiron en dous grupos. O primeiro deles, composto polos equipos Feitizo, Vente Vindo e Reale Lestedo, e o segundo, por A barraé nosa, Herdeiros da estaca e Bo Nadal.
A final foi disputada polo Vente Vindo e o Reale Lestedo, gañando o primeiro por 4-2. Nunha final, na que fixeron unha gran remontada, acadando a victoria despois de ir perdendo 2-0, facendo o público asistente gozara dun espectáculo deportivo cun fútbol sala de moito nivel, tal e como indican dende o Departamento de Deportes de Boqueixón.
A entrega de trofeos estivo presidida polo alcalde, Manuel Fernández Munín, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e máis pola concelleira de Educación, Cultura e Deportes, Mari Botana.
Todos os participantes nesta cita levaron cadansúa camiseta conmemorativa da participación nesta xornada. O rexedor boqueixanés aproveitou a ocasión para animar á mocidade do municipio a participar neste evento deportivo, que xa é unha cita consolidada no calendario do concello, ao tempo que lembrou a importancia de practicar actividades físicas e deportivas.
Gala de Patinaxe
As actividades deportivas tamén centraron a xornada do pasado sábado 22 coa celebración da II Gala de Patinaxe Artística. Esta cita desenvolveuse no pavillón polideportivo de Lestedo e contou coa participación de arredor de medio cento de cativas e cativos tanto das Escolas Deportivas de Boqueixón como do Club de Patinaxe Ágora de Boqueixón.
As numerosas persoas asistentes tiveron a oportunidade de ver as exhibicións das nenas e nenos que amosaron o seu bo facer sobre os patíns. A gala finalizou coa visita sorpresa de Papá Noel, traendo ilusión a grandes e cativada.