O Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón vén de poñer en marcha unha nova campaña especial con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o 25 de novembro. Un mural participativo e obradoiros de prevención para a xuventude centran as accións previstas na programación elaborada especificamente para esta data.
Así, o CIM recupera unha campaña iniciada hai tres anos coa finalidade de involucrar novamente a toda a poboación na sensibilización, concienciación e loita contra a violencia de xénero. Baixo o lema A mans para loitar, non para ferir, a fala para acariñar, non para anular, dende o Centro de Información á Muller convidan á veciñanza “a facer medrar a marea violeta, esa marea que mostra o apoio na loita pola igualdade entre homes e mulleres”.
Para participar nesta campaña, as persoas interesadas deberán realizar unha fotografía amosando unha man violeta, que se pode solicitar no propio Concello ou que tamén se pode descargar aquí para imprimir e recortar. As imaxes deberanse facer chegar a través do enderezo electrónico cim@boqueixon.gal antes do 21 de novembro, xunto coa pertinente autorización de uso das mesmas, que se pode cubrir neste arquivo adxunto. Todo material que se reciba será utilizado para a elaboración dun mural que se exporá o 25 de novembro na casa consistorial con motivo da celebración desta efeméride.
Obradoiros de prevención
Paralelamente a esta acción colaborativa, o CIM de Boqueixón tamén puxo en marcha a iniciativa O photocall pola igualdade, un photocall viaxeiro. A través dela estanse a desenvolver obradoiros de prevención nos centros educativos do municipio.
Así, no caso do CPIP Antonio Orza Couto, iniciouse o pasado 31 de outubro un Obradoiro de Prevención da Violencia en parellas adolescentes, que xa se leva desenvolvendo dende hai seis anos. Esta acción está dirixida ao alumnado de 4º de ESO e continuará todos os mércores deste mes (máis concretamente, os días 7, 14, 21 e 28 de novembro). Os 27 mozas e mozos que compoñen o grupo traballarán distintos aspectos en grupo: dende as características da violencia no noivado adolescente ata as características dunha relación sa e positiva.
Por outra banda, a finais des mes, ofrecerase o Obradoiro de Igualdade: Alén, loita e acariña, no CRA Boqueixón-Vedra. Neste caso, a actividade está dirixida ao alumnado de Educación Infantil e Primaria das seis escolas rurais que conforman este centro. Nas sesións falarase sobre violencia de xénero e sobre o acoso escolar a través deste conto, buscando que cativas e cativos sexan creadores de relacións sen violencia. Desenvolverase os próximos días 26, 27, 28 e 29 de novembro.
Adxuntos
- PermisoUsoImaxes (443 kB)
- PermisoUsoImaxes (443 kB)
- PermisoUsoImaxes (443 kB)
- ManBoqueixon25NRecortable (156 kB)
- ManBoqueixon25NRecortable (156 kB)
- ManBoqueixon25NRecortable (156 kB)
- PermisoUsoImaxes (443 kB)
- ManBoqueixon25NRecortable (156 kB)