O Concello de Boqueixón ultima xa todos os preparativos para a posta en marcha do seu Ciclo de Teatro de Outono. Unha iniciativa que se desenvolve grazas ao apoio da Deputación da Coruña e da colaboración do Club de Maiores de Boqueixón.
Este ciclo ofrecerá un total de 5 sesións que se desenvolverán os domingos 28 de outubro e o 4, 11, 18 e 25 de novembro na Casa da Cultura de Camporrapado a partires das 18.00 horas. A entrada é de balde.
A actuación inaugural correrá a cargo do Grupo de teatro de maiores de Boqueixón, que representará a súa obra Urxencias. Para esta sesión, por motivos de organización, cómpre realizar a recollida de entradas no Departamento de Cultura do Concello de Boqueixón.
A segunda sesión contará co Grupo de Teatro Licor Café de Cabanas que porá en escena Dous ligues para unha noite. Xa para o domingo 11 de novembro tocaralle a quenda a Teatro da SCR A Pombiña de Narón coa súa peza Reinserción.
Pola súa banda, o Grupo municipal de teatro de Ribeira chegará á Casa da Cultura de Camporrapado o 18 de novembro para representaren Cousas de Castelao. O Ciclo de Teatro de Outono de Boqueixón pechará o día 25 co Grupo de teatro de maiores do Centro Social de Vedra que ofrecerán a súa obra Contos de zapatilla.
Dende o Concello boqueixanés animan á veciñanza a asistiren a este Ciclo de Teatro de Outono. Unha oportunidade única para achegarse ás artes escénicas da man de grupos amateur.