O Concello de Boqueixón realizará este domingo 2 de setembro, ás 13:30 horas, unha homenaxe a Bernardino Pereiro Becerra, destacado escultor en pedra e madeira que residiu no municipio. Un acto que terá lugar no campo do río de Ponte Ledesma, no marco das actividades programadas dentro da iniciativa “Kedada na ponte”.
Bernardino Pereiro Becerra (Añobre, Vila de Cruces. 1932) explica que “a miña afección pola arte comezou porque o meu pai era monaguillo na igrexa de Añobre e contábame cousas que lía nos libros que había na igrexa, e eu escoitaba con moita atención. Un día púxenme a copiar un San Antonio que había na casa. Decatouse moita xente e animáronme moito a que seguise facendo diso”.
Así, conseguiu traballo nun obradoiro de escultura en Santiago, onde estivo matriculado na Escola de Artes e Oficios. Posteriormente marchou traballar como escultor a Francia. “Estiven 9 anos. Alí aprendín a traballar a pedra porque mo pedían, esculpindo fachadas, columnas e vigas para chalés de xente rica”, indica.
Máis tempo estivo en Alemaña, onde residiu máis de 20 anos. “Alí facía escultura no meu tempo libre. Neses países os que me coñecían valoraban moito o meu traballo, mesmo saín varias veces nos xornais”, lembra Bernardino. O artista explica que “ao longo da miña vida traballei moito e aprendín moito tamén. Non o tiven fácil, por iso tiña interese en ensinar o que sei facer a outros. Pero os problemas de saúde impedíronme seguir adiante con ese proxecto”. Residente na actualidade na Coruña, aos seus 86 anos está a piques de rematar unha estatua en pedra de gran tamaño de Balbino, personaxe de “Memorias dun neno Labrego”.
A “Kedada na ponte” é unha iniciativa cultural e de lecer que terá lugar no campo do río de Ponte Ledesma este domingo 2 de setembro. Unha xornada que incluirá un roteiro cultural por Ponte Ledesma, a homenaxe a Bernardino Pereiro, un xantar de campo e diversas actividades culturais entre as que se inclúe a actuación de Circo Chosco e unha Feira de Artesanía. O evento está organizado polo Concello de Boqueixón, en colaboración con Gadis, Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e AGADIC.