O Concello de Boqueixón organiza unha “Kedada na ponte”, unha iniciativa cultural e de lecer que terá lugar no campo do río de Ponte Ledesma o domingo 2 de setembro. Unha xornada que incluirá un roteiro cultural por Ponte Ledesma, un xantar de campo e diversas actividades culturais entre as que se inclúe a actuación de Circo Chosco e unha Feira de Artesanía.
A xornada comezará ás 11:00 horas cunha ruta histórica guiada de catro quilómetros por lugares como o castelo Bernández Sánchez de Ledesma, o campo francés, a igrexa de Ponte Ledesma e a propia Ponte Ledesma. Para participar é preciso anotarse no Concello antes do 30 de agosto, chamando ao 981 513 115 (mañá). Ás 13:30 horas terá lugar unha homenaxe a Bernardino Pereiro Becerra, destacado escultor en pedra e madeira veciño de Ponte Ledesma, aínda que na actualidade reside na Coruña.
Ás 14:30 horas terá lugar un xantar de campo, para o que haberá que reservar praza no teléfono 981 513 115 ata o vindeiro 30 de agosto. Os prezos serán de 15 euros para adultos/as e de 8 euros para nenos/as. A partir das 18:00 horas, Circo Chosco presentará o seu espectáculo “Forzu2”. Paralelamente haberá actuacións musicais, xogos tradicionais, inchables e unha Feira de Artesanía, con exposicións de pintura e escultura.
A “Kedada na Ponte” está organizada polo Concello de Boqueixón, en colaboración con Gadis, Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e AGADIC.