O Pico Sacro foi esta mañá o escenario da lendaria Cerimonia do Lume Sagrado. As tribus celtas de Boqueixón e de Callobre uníronse neste emblemático lugar para celebraren o rito co que os antergos celebraban a chegada do Solsticio de Verán.
Preto de medio cento de persoas participaron nesta representación, incluída dentro do programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro que está a desenvolver o Concello de Boqueixón e que finalizará o próximo 29 de xuño. Tras celebrar esta cerimonia, o concelleiro de Turismo boqueixonés, Alejandro Bermúdez, e mais o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, deron a benvida a todas as personas que participaron e asistiron a esta posta en escena, que contou coa colaboración da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre (A Estrada).
A representación do ritual celta comezou co encontro das tropas na entrada ao cumio do Pico Sacro. Encabezados pola Raíña Alda, a máis fermosa, e polo Druída, continuaron xuntos o seu desfile ata a Capela de San Sebastián. O son da gaita galega acompañounos durante todo seu percorrido.
Diante da ermida do Pico Sacro, o Druída utilizou o seu bastón –cunha lupa no extremo- para concentrar a luz solar na ramaxe que se colocou no pebeteiro. Un lume que acendeu rapidamente grazas á forza do Astro Rei e ao leve vento, creando, deste xeito, “unhas chamas purificadoras”, tal e como as definiu a Raíña Alda na súa declamación da alegoría do Lume Sagrado.
Estas chamas serviron para acender candeas que tanto a Raíña Alda coma os/as integrantes das tribus de Boqueixón e Callobre colocaron dentro da ermida. Todas aquelas persoas que queiran poderán utilizalas para levar cadanseu Lume Sagrado e acender, deste xeito, as cacharelas de San Xoán, xa que estará custodiado na Capela de San Sebastián ata o 23 de xuño.
Ofrenda do Lume Sagrado, o 22 en Compostela
Na súa intervención, Alejandro Bermúdez agradeceu a participación nesta actividade, ao tempo que emprazou aos presentes a acudir a Compostela para asistiren á Ofrenda do Lume Sagrado. Esta representación desenvolverase o próximo venres 22 de maio a partires das 22.00 horas.
As tribus celtas de Boqueixón e Callobre reuniranse na Carballeira de Santa Susana (na Alameda compostelá) para despois iluminar cos seus fachos as rúas da zona monumental santiaguesa. O percorrido finalizará na Praza de Mazarelos onde culminará esta Ofrenda do Lume Sagrado da man da Raíña Alda e do Druída.