Máis de 30 persoas asistiron o pasado sábado á conferencia ofrecida por Rafael Quintía. Esta sesión desenvolveuse dentro do amplo programa de actividades de Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro, que ofrecerá diverso tipo de iniciativas ata o próximo 29 de xuño.
A sesión desenvolveuse na Capela de San Sebastián. A concelleira de Cultura, Mari Botana, foi a encargada de presidir este acto no que os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer máis de preto os mitos en torno á Raíña Lupa e, por extensión, ao propio Pico Sacro.
Precisamente os mitos dos mouros e da Moura teñen un relación directa con tamén chamado Monte Sagrado. Non en van, este foi un dos puntos claves na lenda da Translatio do Apóstolo Santiago a Compostela; unha temática tamén explicada na conferencia do antropólogo, economista, escritor, documentalista, investigador, formador e divulgador nos campos da antropoloxía e da historia de Galicia.
Próximos actos
O ciclo Un mes e Pico continuará esta fin de semana con dúas actividades moi especiais. A primeira delas terá lugar o sábado 16 de xuño pola noite cun Taller de observación de estrelas, que se desenvolverá no cumio do Pico Sacro. Esta proposta desenvolverase grazas á colaboración do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, dentro do seu programa TODOCOSMOS.
Xa para o domingo 17 de xuño terá lugar a Cerimonia do Lume Sagrado ás 13.00 horas. Centos de persoas participarán na representación deste rito que bebe das tradicións celtas, polo cal se acenderá este lume a través de medios naturais.
Dende o Concello de Boqueixón animan á veciñanza e visitantes a participar nesta representación.