As instalacións do Forte acollerán este venres 8 de xuño entre as 15.30 e as 21.00 horas a II Festa Fin de Curso das Actividades Deportivas. Esta cita, organizada polo Concello de Boqueixón en colaboración coa APA do CPIP Antonio Orza Couto e a Escola de Fútbol de Boqueixón, ofrecerá todo tipo de actividades para adultos e cativada.
A celebración contará con inchables, xogos, campionatos de xadrez, fútbol 3×3, merenda para os/as participantes e unha gran festa da espuma final. Ademais, de 16.00 a 18.00 horas ofrecerase unha completa exposición das creacións dos alumnos do curso de manualidades, ademais de actividades de Volleyball, Fútbol e Psicomotricidade.
A media tarde comezarán as exhibicións das distintas escolas deportivas, coa seguinte orde de actuación:
- 18.10 horas: Judo
- 18.30 horas: Ximnasia Rítmica
- 18.45 horas: Patinaxe
- 19.00 horas: Zumba Kids
Para os adultos, ofreceranse dúas master classes. A primeira delas terá lugar ás 20.00 horas e centrarase en Pilates, mentras que a segunda, de Zumba, dará comezo ás 20.45 horas.
Dende o Concello animan á veciñanza a acudir a esta cita na que poderán coñecer de preto todo o traballo que se desenvolve nas Escolas Deportivas municipais, da APA e da EF Boqueixón. A entrada é totalmente gratuíta.