O V Certame Xosé Neira Vilas recibíu un total de 66 propostas enviadas polo alumnado dos centros educativos do municipio boqueixonés. Máis concretamente, remitíronse á Biblioteca Municipal de Boqueixón 30 relatos curtos de escolares de Educación Primaria e 36 de Secundaria.
O xurado que valorará os traballos está composto por representantes da Biblioteca Municipal, da Fundación Xosé Neira Vilas e do CPI Antonio Orza Couto. Nunha primeira criba escollerán un total de 10 propostas de cada unha das categorías –Primaria e Secundaria-, que serán as finalistas. Delas, decidirase cales serán as gañadoras dos premios. O fallo darase a coñecer a principios do próximo mes.
A entrega de galardóns desenvolverase o venres 18 de maio no salón de actos do CPI Antonio Orza Couto ás 12.00 horas. O acto estará presidido polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e encádrase dentro da Semana das Letras Galegas que organiza o centro educativo de O Forte.
Repartiranse un total de 750 euros en premios entre os alumnos e as alumnas gañadores e gañadoras do V Certame de Relatos Xosé Neira Vilas. Ademais, editarase un libro con traballos presentados a concurso.