A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado vén de publicar a programación dos Campamentos de Verán, incluídos na súa Campaña de Verán 2018. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 18 de maio de 2018.
Os campamentos desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto e na primeira quincena de setembro. Ofértanse prazas para as catro provincias galegas e tamén para fóra de Galicia, e máis concretamente, nas comunidades de País Vasco, Estremadura, Castela e León, A Rioxa, Madrid e Cantabria. Os desprazamentos aos campamentos e albergues de Galicia será por conta da persoa interesada. No caso das actividades fóra da comunidade, será por conta da persoa interesada o traslado desde o seu domicilio ata Santiago, ou ó lugar que se sinale como punto de saída, tanto o día de ida coma o de volta.
Os prezos por persoa varían entre os 113 e os 348 euros. Os membros de familia que teñan o título de numerosa disporán dun desconto do 50%. As persoas usuarias do Carné Xove gozarán dun desconto do 25%.
En canto á idade mínima e máxima para participar nesta Campaña de Verán 2018, establécense os seguintes límites:
- As persoas nacidas no ano 2000 non poderán facer os 18 anos antes da finalización do campamento
- As persoas nacidas no ano 2009 deberán ter feitos os 9 anos ao inicio do campamento
A adxudicación das prazas poderanse tramitar en https://sede.xunta.es cos seguintes códigos:
- Solicitude individual: procedemento BS303A
- Solicitude múltiple: procedemento BS303F
As plazas reservadas para inclusión de persoas con discapacidade teñen os seguintes códigos:
- Solicitude individual: procedemento BS303G
- Solicitude múltiple: procedemento BS303H
Toda a información atópase no anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia do 25 de abril de 2018. Tamén se poden consultar máis detalles sobre os distintos Campamentos de Verán e as datas dos mesmos na web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, á que se pode acceder directamente clicando aquí.